Foi no ano 2003, cando xurde a idea de montar unha xornada de concertos de rocanrol na Praia do Castelo, co obxectivo de ofertar actividades culturais e achegar máis xente á zona de movida, a cal estaba a vivir os seus últimos latexos. Esta novidosa idea nace dos hostaleiros da zona que naquel momento contaba con tres pubs e unha discoteca, e que na actualidade nada disto se conserva. Nesta primeira edición do Castelo Rock cabe destacar as expectativas e o interese creado no colectivo veciñal na realización dalgo insólito ata aquel momento. Os escollidos para encabezar o cartel son o grupo galego de folk rock, Ruxe Ruxe, que estaban a colleitar unha boa seira de concertos por Galicia adiante. Acompañando aos Ruxe Ruxe, aparecen os grupos locais que daquela tiñan actividade como A Media Ghasta e ou a nivel galego os vigueses Zona Zero. O balance en participación é positivo pero no quefacer económico as sensacións non son as mesmas.
Nos anos posteriores, 2004 e 2005, o festival pasa con máis pena que gloria en canto á participación, xa que os grupos que pasan só teñen un certo nome a nivel provincial e autonómico como son Trashnos ou Aphonnic. Co festival máis morto que vivo, un novo colectivo de mozos decide botarlle ganas … e facerse cargo da directiva, que carecía de continuidade coa entrada e saída de integrantes. A nova directiva decide porlle un pouco de interese e recuperan a ilusión causada polo festival na súa primeira edición. Un dos primeiros obxectivos, será a captación de socios e socias que axuden e colaboren no festival, e por outro lado, a búsqueda de cobixo económico das institucións públicas e o tecido empresarial da vila, que ata agora participaran dun xeito bastante escaso ou nulo. Despois de fomentar a ilusión colectiva, o seguinte obxectivo pasa a ser a selección dunha banda que teña un pouco de renome, os elixidos para encabezar o cartel da IV edición son Forraje, da Pobra do Caramiñal, que viñan de participar no Viña Rock 2004 e de publicar dous álbums, Estoy que muerdo y Diario de un Alma Rota, nos que contaban con colaboracións tan importantes coma Enrique Villareal de Barricada ou Kutxi Romero de Marea. Acompañando a estes e nunha soa xornada participan os grupos locais Sarabanda, Razzia e Trapos Sucios, estes últimos viñan de publicar a súa exitosa maqueta, En un lugar olvidado. Tamén intentamos mellorar dende o punto de vista de produción, proporcionando un equipo de son e luces de certa calidade. Os resultados que se recollen son positivos, cunha participación que chega ata un millar de persoas e cun balance económico positivo que vai servir de motor de arranque para a vindeira edición.
Chega o 2007, e vive Deus que tiñamos un interese, con máis ansias que nunca comezamos a traballar en decembro de 2006, decidindo petar en todas as portas posibles. Con certa seguridade económica péchase a xornada do sábado con grupos de bastante renome a nivel estatal coma os lexenarios Baron Rojo, The Locos e os grupos locais Trapos Sucios e Suiss. Tendo todo isto decidido, comézase a planificar a posibilidade de ampliar o festival á xornada do venres, algo lóxico para que o festival avanzase en calidade, ademais tómase a decisión do cambio de data (víñase celebrando o 3º fin de semana de agosto e pásase ao 1º).
A partir de aquí, a xornada do venres convértese no principal traballo, ademais da produción do concerto onde se inclúen cousas fundamentais coma a dispoñibilidade do escenario municipal, a seguridade, o equipo de son e luces, … case nada. En pouco tempo péchanse as contratacións de Rever, Razzia, Jabón Blue e Konflikto, e a isto únese unha marcha máis lenta na produción. A presentación do cartel faise oficial o 4 de xuño e o programa de Estudio 3 de Radio Galega Música, convértese na emisora oficial do Castelo Rock 2007, algo insólito ata ese momento, e que conta con entrevistas á organización, así coma un espazo diario de 10 minutos. O cartel é ben acollido polo público e nel pódese encontrar unha gran variedade de estilos, que van dende o heavy rock máis clásico, con Barón Rojo, ata o ska e a festa de The Locos, pasando por unha das voces máis tradicionais da música galega, como é a de Javi Maneiro comandando Jabón Blue, sen olvidarnos das bandas locais. Muros converteuse no escenario perfecto para que a ACRD Praia do Castelo puidera levar a cabo o seu proxecto, e o verán o seu estado cronolóxico polo grande índice de poboación que alberga o noso municipio. Este factor unido á gran calidade artística, conseguiu que o Castelo Rock 2007 se resumise nunha soa palabra: ÉXITO. Como proba da grande expectación lograda cabe dicir que ao redor dunhas 6.000 persoas gozaron do festival.
Ano 2008, despois do éxito do ano anterior, a ilusión crece e comezamos a traballar como unha auténtica promotora, para isto fixámonos cuestións básicas para seguir aumentando a calidade do evento. O primeiro que se decide e prescindir da utilización do escenario municipal que se queda escaso, tanto dende o punto de vista material coma estético, polo que se decide alugar un escenario de tipo orbit que permitirá un mellor desenvolvemento das actuacións. O escenario musical galego do verán está en marcha e o Castelo Rock xa se converte nun elo máis da cadea, ademais diso a confirmación da actuación do grupo navarro Barricada como cabeza de cartel vai darlle o toque especial que lle faltaba ata o momento, pouco a pouco os medios de comunicación comézanse a facer eco da calidade do evento e comeza a aparecer ao lado de festivais tan importantes coma Cultura Quente en Caldas de Reis ou o Festival Brincadeira de Ordes. Ademais, de Barricada vese claramente a filosofía que a organización estamos a procurar, e esa non é outra que mesturar o máis potente dos grupos galegos con grupos importantes do panorama estatal, sen esquecernos dos grupos que pouco a pouco están comezando a despuntar, de tal xeito o cartel do Festival Castelo Rock 2008 queda conformado do seguinte xeito: Nao, Jabón Blue, La Matumbá e Salida Nula para o venres, e o sábado Kambotes, Trapos Sucios, Barricada e Porretas. O bo tempo que acompaña os días 8 e 9 de agosto, fai que ao redor de 7.000 persoas se pasarán polo recinto en ambas xornadas, co cal o éxito de participación é total e os artigos nos medios sinalan que unha nova plataforma de difusión musical se fai un furado no tempo dos festivaleiros galegos.
Agora, neste 2009 temos que seguir o traballo de anos anteriores, a máquina xa está en marcha, nestes días estamos a pechar os grupos da carteleira, ano no que incluiremos varios elementos importantes e complementarios ás actuacións musicais. O primeiro é a idea de levar a cabo un mercado artesán paralelo, e para isto o pasado mes aprobamos un prego de condicións para a participación, ademais dunha zona de venda ambulante anexa á entrada ao recinto de concertos. Xunto a isto, tamén se dotará ao festival dun carácter continuo en canto a súa cronoloxía, posto que levaranse a cabo actividades dende a mañá ata a apertura de portas do recinto de concertos, estas actividades serán do máis vario pintas tocando aspectos culturais da música, teatro, circo, clown, … con profesionais da altura de Peter Punk, Maqnifique Band, Turres Band e moitos máis, abarcando e potenciado a difusión cultural a todas as idades.
Alea Iacta Est!
|